miércoles, 6 de febrero de 2008

Voa bolboreta...!!!

Que sorpresa! Pasa, aquí estarás mellor.
Que tal estás? Facía tanto tempo...! A xente sempre me falaba de ti mentres non estabas, boteite tanto de menos...!

Soñaba contigo tódalas noites e quedábame durmida murmurando o teu nome...

Crin que nunca máis estarías onda min; pero tiña razón a xente cando me dicía que a esperanza debe ser o último que se perde.
Por que tardaches tanto? Non sabes o mal que pasei; sen ti non sabía como eran as cousas, nin que cor tiñan, sen ti pecháronseme moitas portas e loitei moito para intentar abrilas...
Cando era pequena e íamos o campo miña nai pasaba moito tempo en cazar algunha bolboreta para poderma dar. Eu a tocaba e sentía nas miñas mans unhas suaves cóxegas cando esta tentaba escapar. Namentres, a miña nai describía as súas cores, o seu tamaño, a súa forma de voar.... Poucas veces collín unha bolboreta nas mans, gustábame sentila entre os meus dedos máis sabía que despois o seu vo sería máis torpe pola miña culpa.
Douche as gracias por querer vir, nunca pensei que ías ser así. Xa non me acordaba de ti , pois marchaches ós poucos días de nacer eu.
Perdoa porque chore tanto, pero é a emoción de saber que agora non vou a ter tantos obstáculos, de que vou poder baixar as escaleiras sen medo, que cruzarei as estradas sen esperar a alguén para que me guíe, que vou poder poñer as chaves nun sitio diferente que as encontrarei, que verei sorrisos, bágoas, acenos, amenceres, a chuvia, a beleza,fotografías, películas, debuxos...
É primavera e as bolboretas voan polo ceo ó seu gusto. Non podedes imaxinar que bonitas son, que cores tan vivos teñen, que distintas son unhas das outras....
Quedo parva mirando para elas, tiña razón a miña nai en canto a súa beleza, as súas antenas, a forma do seu corpiño tan pequeno respecto ás grandes as, o ledas que van o voar dunha flor cara outra, que parece que contaxia un sorriso con só miralas...
....Voa bolboreta, voa!!!