domingo, 22 de junio de 2008

Certamen literario 2008 (completo)

VOLVER A VIVIR
Outra vez aquí, pechada no lavabo para que non poidas entrar.
Nun recuncho da bañeira choro contra unha toalla por medo a que me escoites.
Síntome como unha avestruz que agocha a cabeza para non ver o perigo, pero aínda que deixa de velo segue a existir. Malditos golpes contra a porta, ameazadores gritos chámanme dende o corredor.
Sentada nun recuncho da bañeira tremaba como facía a miúdo, choraba e asustada soñaba que isto ía cambiar.
Sen querelo, mírome no espello, a penas me recoñecía, aquela flor fresca convertérase nun cardo do que hoxe ninguén facía caso.
Os meus ollos verdes semellaban outros ó estar hinchados e morados, grandes olleiras marcaban o meu rostro, aquel rostro no que as pecas que o cubrían pasaron a formar parte de cicatrices.
Abrín a billa de auga quente, a miña roupa íase mollando, as miñas feridas íanse lavando e o vapor de auga esa horrible imaxe no espello ía tapando .
Chorei...choraba e a auga camuflaba as miñas bágoas.
Berrei...berraba e despois de moito tempo desafogaba. Os berros do corredor desapareceron, non se escoitaba nada detrás da porta. Despois de lavarme as feridas saín con sixilo e intentei alcanzar o teléfono; maila túa man, aquela que tanto me custou conseguir e da que tanto me custa desprenderme, agarroume e empuxoume cara atrás. Que é o que fago mal? dime, por que es así? Non esperei resposta as preguntas que che facía, deixando atrás todo o que pouco a pouco fora construíndo, decidín marchar.
Marcharme a un lugar onde ninguén me coñecera, marcharme a onde sempre quixen escapar, un lugar de descanso, un refuxio: meu lugar ideal.
Nese lugar ti non estabas, non quixen que me acompañaras.
Como ti facías a miúdo comigo, deixeiche só, abandonado, despois duns cantos berros que me axudaron a ser de novo eu.
Deixei escapar todo o que levaba no meu interior sen medo a ferirte, xa que por unha vez os papeis cambiábanse.
Agora todo era distinto, era eu quen te gritaba, era eu quen te dicía todo o que pensaba de ti, era eu... a que sen beber te facía baixar a cabeza e chorar sen que fixeran falta golpes...
...choro por saber que ese lugar non existe, que solo se atopa na miña mente e que poucas veces podo chegar ata el. Soño con tocalo cos meus dedos, agarralo e non soltalo ata que novamente volva a vivir.
Quizais son unha ilusa pero por que non selo? Prefiro trasladarme a un lugar que só se atopa na miña imaxinación, que ter como límites as paredes do meu fogar.
...choro por saber que ese lugar cada vez está máis lonxe, que me custa máis alcanzalo
...choro por saber que ese lugar se chama PAZ e que cerca túa nunca o atoparei.
Abro os ollos e descúbrote, berrando outra vez e ameazándome co teu puño.
Abro os ollos e noto que as bágoas se xuntan na miña gorxa impedíndome falar.
Abro os ollos e outra vez descubro, que o meu soño so está na miña mente e de novo o meu pesadelo na realidade. Outra vez este olor, resultado dunha mestura de tabaco e alcol que tan só ó sentilo podería imaxinar o que ía suceder. Outra vez ese fedor, púñame nerviosa e era o culpable da miña covardía, causante das miñas feridas e responsable das miñas bágoas.
Dime por qué, nauseabundo olor, es capaz de cambiar a unha persoa, transformala noutro ser e destruíla por completo...acaso consegues algo? Se a túa meta é marcar vidas, partir corazóns facer sufrir e lograr sentir terror do que antes sentías amor; debo felicitarte pois todas estas sensacións percíboas cada vez con máis facilidade.
De ti non namorei, a ti non te coñecía, non imaxinei que ti poderías actuar así. Estaba cega de amor, non vin ese lado que disfrazabas cos teus sorrisos, tan só vía cumpridas as falsas promesas e esperanzas que tanto repetías.
Síntome unha estúpida lembrándome como te defendía, como te respaldaba, como imaxinaba vivir cousas que na realidade non pasaban. Non quería recoñecelo, sentíame culpable cando me berrabas e insultabas, comprendía o falso significado que aportaban cada unha das malleiras que para ti só eran un desafogo.
Agora por fin doume conta de todo o dano que me fixeches, de todas as bágoas que non derramei.
Sorpréndome de que aguantara tanto, nin eu mesma sabía que un sentimento podería tapar outro con tanta facilidade, dígocho a ti que non o sabes: cando queres a unha persoa o amor tapa a realidade. Agora a avestruz descobre a súa cabeza e promete que nunca máis volverá a agochala.
Escribe isto, xa que é o único modo que ten de expresar todo polo que pasou.
A area quedou marcada polos seus pés... aplastada por culpa dunhas pisadas esperaba que as olas viñeran. Despois de moito esperar, foron chegando e borrando as pegadas, pero aínda así, a sombra destas víase.
Por fin... as nubes causantes desa tempestade dan paso ós raios do sol.
Por fin... estás lonxe de min e son libre.
Por fin... cunha toalla desempaño o cristal do espello e sorrío ó ver o meu reflexo nel.
Por fin... volvo a vivir.